As palabras tamén protexen: o galego florece nos escaparates de Cambados

Desde a Asociación ESMAR Non á Violencia e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, proximamente poremos en marcha “As palabras tamén protexen”, unha campaña que une a promoción do galego coa defensa de valores como a igualdade, o respecto, a liberdade e o bo trato.

Durante o mes de xuño, diferentes comercios de Cambados lucirán nos seus escaparates unhas flores moi especiais, inspiradas na identidade visual da asociación. Cada unha delas levará unha palabra ou mensaxe en galego vinculada á convivencia e á construción dunha sociedade máis xusta e libre de violencia.

A iniciativa busca facer visible que a lingua tamén pode coidar, acompañar e sensibilizar. Por iso, cada peza incorporará un código QR que permitirá ampliar o significado das palabras escollidas e descubrir a súa relación coa igualdade e o uso do galego.

Con esta acción, os establecementos participantes convértense en parte activa dunha intervención colectiva que levará a mensaxe da campaña polas rúas comerciais da vila. Ademais, distribuiranse pulseiras co lema “As palabras tamén protexen”, para que esta reflexión saia dos escaparates e chegue tamén ao día a día da cidadanía.

Porque falar en galego é tamén unha forma de expresar respecto, compromiso e coidado.
As palabras importan. E tamén protexen.